As da Industria

As da Industria é unha asociación sociocultural con ámbito de actuación no barrio en torno á praza da Industria en Vigo.

Quen somos

Vivimos nun barrio que non ten nome, pero xira en torno a un home de ferro. Un home que é forte pero non pega. Co brazo levantado, sempre. Na rúa, día e noite.

Somos as veciñas que non se conforman con pensar que no noso barrio nunca pasa nada mentres agardan a que veña alguén de fora a solucionalo.

Somos as nenas e nenos que queren ter unha actividade infantil na praza, e cociñan uns biscoitos para vendelos na rúa e poder pagala.

Somos as que cremos que os espazos públicos están para usalos, as rúas e prazas para encontrarse as persoas.

Somos as que cremos que o a cultura non se merca empaquetada, si non que se constrúe entre todas.

Somos os avós que lle ensinan aos netos como facer unha queimada nunha noite de outono.

Somos as nostálxicas que quixeron recuperar o San Xoán que se facía no barrio trinta anos atrás. Cando a xente baixaba a pé a xuntarse cos veciños a pasar un bo rato ao redor dunha fogueira. Cando nas festas case todas nos coñecíamos.

Somos os pais que cren que a mellor forma de educar aos seus fillos é facéndoos partícipes de forma activa da comunidade na que viven, admirando as diferencias de todas as que formamos parte dela.

Somos as voluntarias que ilusionadas axudan a picar castañas para poder ver as nosas prazas cheas de xente.

Somos as que só esperan un sorriso a cambio, porque pensan que non hai ben material que o supere. Somos as que non se resignan a ver que o ocio é algo que se merca cos cartos e se recibe pasivamente, si non que é moito máis satisfactorio construílo coas nosas mans.

Somos os homes que tamén se senten aludidos dentro do feminino plural, porque non asumen que se deba facer o uso xenérico do masculino só porque “sempre foi así”.

Somos os bos e xenerosos que lle damos vida á nosa lingua usándoa nos nosos actos.

Somos AS DA INDUSTRIA, e queremos ser máis e facer máis. Úneste?

Estatutos

Fins

Son fins principais da asociación:

a)    A promoción e divulgación da Cultura Galega en calquera das súas expresións.

b)    A revitalización do barrio a través do encontro das súas xentes nos espazos públicos.

c)    O estudo, divulgación e protección do patrimonio material e inmaterial do barrio.

Actividades

Para levar a cabo os seus fins, a asociación poderá organizar as seguintes actividades:

a)    Concertos, festas, proxeccións, representacións e calquera outra actividade de expresión artística

b)    Charlas, obradoiros, roteiros, exposicións, mostras e outras actividades de difusión cultural e de promoción do coñecemento en xeral, e do relativo á historia e presente do noso barrio en particular

c)    Magostos, Maios, San Xoán, festas populares de distinto tipo

d)    Xogos, contacontos, actividades de lecer en galego

e)    Calquera outra actividade necesaria para acadar os fins da entidade

Ideario

Toda a actividade e comunicación da asociación realizarase en coherencia co seguinte ideario:

       A actividade da asociación será respectuosa co medio ambiente, procurando sempre o menor consumo de recursos e produción de residuos posible.

       Buscarase de forma activa a plena inclusión e participación de tódalas persoas, independentemente da súa idade, situación de discapacidade ou condición social.

       A asociación declárase e preséntase como feminista, e actuará como tal. Acreditamos que no contexto da sociedade patriarcal na que convivimos, é unha obriga moral posicionarse de forma explícita a prol da igualdade de xénero.

       Promovemos o papel protagonista da veciñanza na organización dos nosos actos. As da Industria é unha asociación apartidaria e independente. Evitarase a participación pública nos nosos actos de cargos públicos ou persoas que falen en representación de partidos políticos. Calquera veciña ou veciño é benvido nas nosas actividades, participando a título individual.


Eses son son os artigos principais, se queres consulta os nosos estatutos completos

Contacto

Non temos local. Intentamos facer a maioría das nosas actividades na rúa, e cando o tempo o ou o tipo de actividade non o permite, usamos algún dos locais públicos do barrio.

Se queres saber cal é o día da nosa próxima reunión, escríbenos a info@asdaindustria.gal